Wednesday 01 de May de 2024

O Grupo Socialista critica que o goberno local “busque ocultar as carencias da súa xestión con anuncios baleiros de contido”


Mantiveron unha reunión coas asociacións de comerciantes da cidade para tomar o pulso do sector en relación ás intencións do goberno de regular os fluxos turísticos e a situación da operación Peleteiro

Rosón adianta que os socialistas asistirán a comisión mixta de este xoves “de forma construtiva” pero “non imos participar en decisións unilaterais sen o acordo coa propiedade”

Preguntarán no pleno municipal sobre os plans para limitar os grupos de visitantes: “non aclara se vai reforzar vixilancia, controlar os grupos de peregrinos ou traballar nun cumprimento estrito das ordenanzas”

O Grupo Socialista reuniuse esta semana coas asociacións de comerciantes da cidade -Santiago Centro, Compostela Monumental e o Proxecto Em Rede- para tomar o pulso do sector en relación ás intencións do goberno de regular os fluxos turísticos e a situación da operación Peleteiro. A conclusión: “confusión e descoñecemento”, é o que denuncian os socialistas poñendo en dúbida a vontade de diálogo e transparencia do executivo de Sanmartín: “semella nos últimos meses que o goberno local busca ocultar ou tapar as carencias da súa xestión con anuncios baleiros de contidos” critican.

A concelleira Mila Castro contrapuxo o “anuncio dunha ocorrencia” que é a intención do goberno local -a “idea no aire” segundo Castro- de regular o tráfico de persoas polo espazo público; coa “irresponsabilidade de xestión” que da lugar á situación actual da operación Peleteiro.

Insiste en que se tratan de dous temas sensibles para o sector comercial da cidade: o primeiro porque as persoas que visitan a nosa cidade “supoñen unha parte importante dos ingresos do noso comercio” e o segundo, o Peleteiro, porque se trataba “seguramente da última oportunidade para dotar o Ensanche dun gran espazo público que dinamizase a zona”.

“Cales son as accións concretas que o goberno local levará a cabo para controlar e xestionar os fluxos turísticos na nosa cidade?”

No encontro cos representantes do tecido comercial da cidade participaron ademais de Mila Castro, Mercedes Rosón e Sindo Guinarte. Este último pedirá explicacións no pleno da vindeira semana sobre as accións concretas que o goberno local levará a cabo para materializar a súa “intención” de controlar e xestionar os fluxos turísticos da cidade.

Segundo explicou Castro en rolda de prensa este mércores, non se aclara nas explicacións dadas ata o de agora polo executivo de Sanmartín se “vai traballar nun cumprimento estrito das ordenanzas actuais”, a reforzar a vixilancia e actuación policial, limitar os grupos de peregrinos que entran polas rúas de Compostela, “que tamén habería que saber como se fai isto” matiza, ou se vai limitar o número máximo de persoas que conforman os grupos turísticos con guía.

“Coincidimos coas asociacións de comerciantes que este tipo de mensaxes confusas trasladan unha imaxe pouco positiva da nosa cidade” compartiu Mercedes Rosón que insistiu en denunciar a “ambigüidade” nas explicacións dadas ata o de agora e cuestionar a vontade de transparencia “que prometeu a señora Sanmartín na súa toma de posesión”.

Neste sentido, Rosón recalcou que transparencia “non é espallar ideas que se nos van ocorrendo para evitar que se fale do que nos incomoda” senón “explicar o que se quere facer e como se quere facer” ademais de “responder e aclarar temas que poden ser máis incómodos”. Algo que, de momento, “fallou”: “e non o digo eu, isto estou segura que xa o dixo antes a nosa alcaldesa” precisa.

“Participaremos na Comisión Mixta de Peleteiro de forma construtiva pero non imos participar en decisións unilaterais sen o acordo coa propiedade”

Outro dos temas que trataron os socialistas coas asociacións de comerciantes foi a situación actual da parcela do antigo colexio do Peleteiro, logo de que a alcaldesa anunciara que a propiedade parece seguir adiante co proxecto de construír nese espazo un gran centro comercial e vivendas turísticas. Neste sentido, Mercedes Rosón preguntouse se a alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo “sabían das intencións da propiedade do Peleteiro desde o mes de setembro”, cando mantiveron unha reunión coa Sareb neste sentido.

Mercedes Rosón cualificou a situación como un verdadeiro “drama urbanístico” froito dunha “actitude irresponsable e bastante cínica” da oposición. A que fora responsable de Urbanismo durante o mandato socialista lembrou que Compostela Aberta “incumpriu a palabra dada”, despois de anunciar publicamente o seu apoio á modificación do Plan Xeral que propuñan os socialistas e, finalmente, “bloquear a operación: “tamén se comprometeran publicamente a garantir un futuro para a casa da xuventude, e futuro teno, pero igual de escuro que a praza que proxectaban eles para o Peleteiro”.

En todo caso, desde as filas socialistas aseguran que participarán de forma “construtiva” na Comisión Mixta que se celebrará mañá e na que participan os representantes veciñais e comerciantes da zona, pero matiza: “non imos a participar en decisións unilaterais sen o acordo coa propiedade”. Explica Rosón que unha decisión unilateral suporía pasar a un escenario “moito peor” con “outra década máis de parálise da parcela e seguramente os veciños acabarían pagando indemnizacións millonarias á propiedade”.

Deja un comentario